Sesiones Especiales

Curtocircuíto ten o orgullo de acoller a estrea española de Ariel (Lois Patiño, 2025), un fito clave na programación do festival e na escena cultural de Santiago de Compostela. Lois Patiño, un dos cineastas independentes máis destacados do panorama estatal e europeo é recoñecido por longametraxes como Costa da Morte (2013), Lúa vermella (2020) e Samsara (2023), que fusionan poesía visual, reflexión filosófica e unha profunda conexión co entorno natural. 

Ariel, rodada nas illas Azores, mestura paisaxe, memoria e experimentalismo para acadar novas cotas narrativas coa entrada da ficción e o traballo actoral na obra do artista vigués, ó tempo que continúa a súa exploración do espazo e o tempo, elementos que caracterizan a súa filmografía. 

Esta estrea non só enriquece a programación do festival, senón que tamén reafirma a súa vocación de espazo para a innovación e o diálogo artístico, posicionando a Compostela como epicentro de creación e reflexión cinematográfica contemporánea.

Ariel é unha producción de Filmika Galaika distribuida por Atalante Distribución.

Ariel | Lois Patiño | 2025 | 108'

A actriz Agostiña Muñoz chega ás illas Azores para traballar na obra 'A tempestade' de Shakespeare. Pero á súa chegada á illa descobre un lugar moi desconcertante, que lle farán dubidar sobre a realidade deste mundo.

Un día despois da estrea en España de Ariel en Curtocircuíto, o seu director, Lois Patiño; a súa produtora, Beli Martínez; e a actriz Irene Escolar manterán un encontro con prensa e público. Xuntos compartirán o proceso creativo desta preciosa obra inclasificable, que transita entre o metacine, o sensorial e o máxico. A actividade terá lugar no Paseo dos Camelios do Hotel NH Collection.

2.7.2025

20:30

Teatro Principal

Fillos do vento. Encontro con Brais Revaldería. Unha viaxe inmersiva ao corazón de Galicia

 
TICKETSINSCRIPCIÓN GRATUÍTA AQUÍ

Fillos do vento é un proxecto híbrido e radical do cineasta galego Brais Revaldería que navega entre o cinema e a instalación, entre o visible e o inaudito, e que foi estreado no pasado Festival de Cannes. Curtocircuíto acolle unha actividade especial na que o autor compartirá o proceso de creación sonora e sensorial da obra, afondando na súa investigación estética sobre a tradición da rapa e o poder dos rituais como forza invisible que modela territorios e memorias. A sesión estrutúrase como unha conversa expandida na que Revaldería analizará a dualidade da peza como instalación visual inmersiva e como filme narrativo en construción, revelando os vínculos conceptuais e técnicos que articulan ambas dimensións.

O encontro culminará coa proxección dunha versión inédita e exclusiva de Fillos do vento, montada específicamente para Curtocircuíto (25’)  como avance do que será a futura longametraxe. Esta peza intermedia, deseñada como experiencia audiovisual autónoma, ofrecerá ao público a oportunidade de mergullarse nunha paisaxe de son e imaxe en constante transformación, onde as bestas actúan como axente poético e político. Un exercicio de cine en construción, onde o espectador é convidado a habitar o espazo entre o salvaxe e o cultural; unha viaxe ao corazón de Galicia. 

3.7.2025

20:30

Teatro Principal

Encontro con Laia Abril: On Mass Hysteria

 
TICKETSINSCRIPCIÓN GRATUÍTA AQUÍ

On Mass Hysteria é a última obra de Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023 e unha das artistas visuais máis versátiles e recoñecidas do panorama europeo contemporáneo. A través dun traballo rigoroso de investigación e unha linguaxe visual propia, Abril leva anos desenvolvendo unha serie de proxectos sobre a violencia estrutural exercida contra as mulleres, combinando fotografía, arquivo, instalación, texto e documentación. Neste novo capítulo de The History of Misogyny, a artista afonda nos mecanismos históricos e sociais da histeria colectiva, a partir de casos reais acontecidos en diferentes contextos culturais e períodos históricos. On Mass Hysteria examina como o medo, o control institucional e a manipulación simbólica poden construír narrativas colectivas que afectan profundamente a percepción e o tratamento do corpo feminino. En Curtocircuíto, Laia Abril compartirá co público as claves conceptuais e formais deste traballo, abrindo unha reflexión sobre os límites da representación, a memoria e a xustiza social a través da arte.

5.7.2025

20:00

Xardín das pedras que falan

Inocencia, enigma e metamorfose. Manual de instrucións para mergullarse no cinema da cineasta máis misteriosa de Europa

 
TICKETSAcceso libre e gratuíto ata completar capacidadeINSCRIPCIÓN GRATUÍTA AQUÍ

Lucile Hadžihalilović é a cineasta máis misteriosa e intrigante da vella Europa. Elsa Fernández-Santos, unha das xornalistas máis sagaces do panorama estatal. Nun xardín histórico de Compostela, ambas compartirán co público un encontro íntimo para achegar as claves do cinema da primeira. Cunha obra hipnótica e perturbadora —onde a infancia, o corpo e o misterio configuran un territorio poético propio— Hadzihalilovic representa unha das voces máis singulares do cinema europeo contemporáneo. Nesta conversa aberta, exploraranse os procesos creativos dunha cineasta que rexeita o obvio para mergullarse no sensorial, na beleza escura e na suxestión. Desde a súa colaboración con Gaspar Noé ata os recoñecementos en festivais como San Sebastián ou Locarno, esta será unha oportunidade única para descubrir, dende a proximidade, as claves dunha obra fascinante que cuestiona o noso tempo a través da linguaxe do enigma.

6.7.2025

12:00

Xardín do Costa Vella

A linde do rostro. Conversa con Guillermo Galoe e Marina García López tras seis anos traballando en 'Ciudad Sin Sueño'

 
TICKETSAcceso libre e gratuíto ata completar capacidadeINSCRIPCIÓN GRATUÍTA AQUÍ

No marco de Curtocircuíto, o cineasta Guillermo Galoe, acompañado pola produtora Marina García López, protagonizará un encontro arredor do acto de filmar no espazo do outro, partindo da súa experiencia na rodaxe de Ciudad sin sueño, obra que recibiu o Premio SACD ao guión e á dirección na Semana da Crítica do Festival de Cannes, desenvolvida durante anos na Cañada Real, ás aforas de Madrid.

A actividade, en forma de charla aberta, afondará nas implicacións éticas, estéticas e políticas de capturar realidades alleas, fronteiras invisibles e contextos de exclusión, sempre desde unha mirada consciente e autoral.

Galoe compartirá materiais inéditos, reflexións persoais e decisións clave do proceso creativo, propoñendo un espazo de diálogo arredor do cinema como lugar de encontro co outro (e, polo tanto, con nós mesmos), a representación da alteridade e a posición do artista e da ficción no territorio do real.

Como colofón a esta edición do festival, celebraremos un acto de clausura onde faremos a entrega de premios aos ganadores das distintas categorías e proxectaremos un dos filmes ganadores. O acto de clausura estará presentado por Nuno Pico.

Nuno Pico

Se alguén que estea lendo isto me coñece, seguramente o faga por Grande Amore, o grupo no que levo cantando por aí adiante ("cantando" daquela maneira, pero cantando ao fin e ao cabo) dende finais de 2019. Se alguén non me coñece, é unha sorte. Por partida dobre, ademais. Sorte para esa persoa, porque igual estivo dedicando o seu tempo a cousas máis gratificantes que escoitar Grande Amore, e na vida tampouco é que haxa moito tempo para malgastar. E sorte tamén para min, porque así podo pasar a ser coñecido por alguén xa non como "Nuno o de Grande Amore" senón como "Nuno, o que empezou 2017 almorzando dous durums seguidos no kebab de Burela", ou "Nuno, o que sacou un 9 en Dirección de fotografía e iluminación o ano do COVID, sen ter absoluta idea nin de dirección de fotografía nin de iluminación e facendo un traballo final debuxando un storyboard terrorífico no paint".