Xurado Oficial

Tono Mejuto

Tono Mejuto é un cineasta, fotógrafo e arquitecto cuxa actividade se centra nas formas de habitar espazos, cidades e territorios contemporáneos a través do cinema en 16 mm e a fotografía química. O seu traballo exhibiuse en festivais e centros de arte tanto nacionais como internacionais, e recibiu diversas bolsas e residencias no eido das artes visuais, incluída a residencia de realización cinematográfica BAICC en Lift (Toronto). Foi membro fundador do colectivo de investigación urbana Ergosfera e promotor de iniciativas como a editora de arte Estraperlo e o Festival de Fotografía da Coruña, FFoco.

Ismael Ramos

Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é autor do libro de contos A parte fácil (Xerais, 2023), e dos poemarios Lixeiro (Xerais, 2021), Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández; Lumes (Apiario, 2017), escollido por Babelia como un dos cinco mellores libros galegos publicados no século XXI e Premio Javier Morote 2019 das Librarías Independentes Españolas (CEGAL); e Os fillos da fame (Xerais, 2016), Premio Johán Carballeira. Recentemente, o seu conto A lebre, incluído en A parte fácil, foi galardoado co prestixioso Premio O. Henry 2026 nos Estados Unidos, converténdose así no primeiro escritor do Estado en obter esta distinción. Actualmente traballa como profesor e colabora en medios como elDiario.es, onde publica periodicamente reflexións sobre política, sociedade, ecoloxía, saúde mental, memoria colectiva e conflito de clases.

Jaione Camborda

Jaione Camborda é unha cineasta que traballa desde a materia, o corpo e a memoria para construír narrativas sensoriais e profundamente enraizadas no territorio. A súa formación na escola FAMU de Praga e na HFF de Múnic foron claves para comprender o cinema desde a experimentación plástica, con pezas curtas premiadas en múltiples festivais antes de consolidar unha voz propia no panorama cinematográfico. A súa primeira longametraxe, Arima (2019), tivo un importante percorrido internacional, destacando pola súa atmosfera envolvente e pola exploración do misterio e da identidade nun enigmático xogo de presenzas e ausencias que mistura o físico e o espectral. Co seu filme O Corno (2023), dá un paso adiante na súa exploración do feminino e do telúrico, narrando a historia dunha parteira que emprende unha viaxe de fuxida e resistencia. Estreada no Festival de Toronto, esta obra levouna a converterse na primeira directora española en gañar a Concha de Ouro no Festival de San Sebastián.

Xurado Galiza

Iván Castiñeiras

Iván Castiñeiras é licenciado en Historia da Arte e en Cine, exerce como realizador e director de fotografía. O seu traballo sitúase a medio camiño entre o documental e a ficción. As súas películas abordan cuestións xeopolíticas de fronteira e territorialidade. Estas narracións constitúen unha construción da memoria individual e colectiva, onde o contexto real e o mito se cruzan e propoñen unha visión modelada por un xogo de resonancias temporais e históricas.

Carmen Méndez

Formada en interpretación, violín e voz, conta cunha ampla traxectoria como actriz en cine e televisión. Traballou durante sete temporadas na serie Pazo de Familia e tamén participou noutras series como Serramoura, Auga Seca, Élite ou Saudade de ti. En cine participou, entre outras, na longametraxe Tres, de Juanjo Giménez Peña, e acaba de rematar a rodaxe como actriz protagonista da longametraxe Outono, ópera prima de Giselle Llanio, producida por Indígena Films. No 2024 estreouse na dirección coa curtametraxe documental Pura, seleccionada en numerosos festivais e gañadora en Aguilar Film Festival, Curtocircuíto ou os Premios Mestre Mateo, entre outros.

Marcos Flórez

Montador de cinema, músico e formador. Socio traballador de NUMAX, cooperativa de Santiago de Compostela, onde desenvolve o seu labor como montador. Realizou a montaxe de, entre outras películas, Jaleos (Isaki Lacuesta, 2026), Portales (Elena Duque, 2025), San Simón (Miguel A. Delgado, 2025), Así chegou a noite (Ángel Santos, 2025) ou La guitarra flamenca de Yerai Cortés (Antón Álvarez, 2024). Dirixiu de forma colectiva os filmes Up against the wall motherfuckers! (2013) e Volontè (2015). Como músico, formou parte de bandas como La Débil, RRA, Chinasky ou Vietcong. Actualmente atópase compondo a música para a película Phantom, xunto ao seu director, Cristóbal Fernández. Participa na programación de cinema do WOS Festival.

Xurado Novo

Juan Arca

Juan Arca é un músico nacido en Vigo en 1996. Realiza os estudos superiores de guitarra clásica en Madrid, onde desenvolve unha grande afección polo cinema. Ao seu regreso a Galiza funda a banda Lontras, da que é compositor, cantante e guitarrista. Con Lontras edita o álbum Caras no lume en 2025 e fai a súa primeira incursión no eido audiovisual, dirixindo os videoclips de Neve e luz e Sangue no canal.

Carlota Álvarez

Son Carlota Álvarez, veño dunha aldea de Piñor (Ourense) e estudei na Universidade de Santiago de Compostela o Dobre Grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual. A miña actividade profesional móvese arredor da comunicación, da cultura e do audiovisual, aínda que tamén busco constantemente poñer en marcha proxectos persoais ou cos amigos e amigas. Fixen algunha curtametraxe, como Zafirada (animación, Premio Xuventude Crea 2020) ou Ciudá de Ladrillo (Premio Novas Camadas de Cans 2025), nas que me intereso pola memoria e a posta en valor do rural. Son tamén unha das rapazas que está detrás de Faiado Podcast, falando un pouco de todo, pero sempre en relación coa cultura en Galicia e en galego.

Miguel González

Nacín en Caracas, Venezuela, en setembro de 2004. Desde moi pequeno, unha das situacións máis presentes na miña vida foi ter que adaptarme constantemente a contornos novos e diferentes. Todo isto comezou cando, xunto coa miña familia, me mudei a Colombia, onde vivín 8 anos moi importantes da miña vida, para posteriormente chegar aquí, a Santiago de Compostela, a través das raíces do meu avó. Nos case tres anos que levo vivindo aquí dediqueime a estudar a carreira de Comunicación Audiovisual e a explorar máis a fondo os meus intereses, entre os que están a música, o cinema e a cultura que este lugar ten para ofrecer, polo que Galicia en xeral foi un salvavidas para min. Por este e outros motivos é polo que poder formar parte do xurado novo desta edición me enche de entusiasmo, tanto por vivir esta experiencia como polas cousas que poida traer o futuro.

Andrea Mariño

Son Andrea Mariño Tubío de Bexo (Dodro) do 2002. Malia estar entre o teatro e as artes plásticas dende moi cativa, finalmente decanteime polas segundas. Isto levoume a facer Belas Artes en Salamanca, o que me fixo afondar tanto na práctica artística como na teoría da arte. Para min, as artes non poden concibirse por separado nin como un ente alleo á sociedade. Por iso, gústame traballar e aprender con todo tipo de linguaxes: desde o debuxo, a literatura, a fotografía, o cinema, o teatro, etc. Sen deixar de investigar e explorar novas formas de expresión. 

Valentina Unda

Caracas, Venezuela. Aos 18 anos, nun voo sen retorno, chega a Galicia para comezar os seus estudos en Dereito. Axiña entende que non pode ignorar o seu pálpito artístico, polo que deixa atrás as leis e o estigma que recae no vivir por e para a arte, e inicia os seus estudos en Comunicación Audiovisual. Desde o primeiro ano involúcrase na organización do Club de Cine FaCom, onde, ademais de proxeccións semanais, leva a cabo colaboracións con proxectos do mundo audiovisual, como sesións especiais da man da MICE e Curtocircuíto. O que empezou como un cambio de rumbo acabou por confirmar a súa verdadeira vocación, atopando no audiovisual o seu propio espazo.