Aviso: esta sesión contén imaxes ou luces troboscópicas que poden afectar a espectadorxs fotosensibles
Partimos dunha pregunta.
Non somos os primeiros en facela, non seremos os últimos.
Que acontece cando morremos?
Ese tránsito, ese cambio de estado, deixou de ser só unha intuición para entrar no laboratorio. Nos últimos anos, a ciencia, ao tentar explicalo, non resolveu o misterio, senón que o fixo máis profundo e complexo. Hoxe sabemos que, cando o corazón se detén e falta o osíxeno, o cerebro non se apaga en silencio. Pola contra, prodúcese un último estalido de actividade: un pico de ondas Gamma (30-100 Hz) que suxire unha consciencia hiperreal xusto no limiar da morte.
GAMMA A/V é a tradución dese último pulso a unha performance de 50 minutos. Unha experiencia física na que o son, a luz e a imaxe se converten no mapa dese tránsito.
O Ghost é o título do primeiro longo de Arvin Dola, un traballo que se sitúa nun territorio liminar entre o ambient, o drone e o scoring cinematográfico, articulando un continuo sonoro onde a composición funciona como dispositivo de espacialización afectiva. Na súa tradución ao directo neste formato a/v creado xunto coa artista visual Irene Gaumé, O Ghost desprégase como unha ensamblaxe híbrida de sistemas: sintetizadores, voz e violoncello entrelázanse cun contorno visual xerado especificamente, construído a partir da fricción entre materiais analóxicos, técnicas de focus stacking e procesos de intelixencia artificial, dando lugar a unha imaxe nun estado constante de inestabilidade e reconfiguración.
Neste tránsito continuo entre o analóxico e o dixital, a peza activa unha investigación sobre a fragmentación da identidade e a multiplicidade das súas proxeccións, propoñendo un desprazamento dos límites entre a interioridade e a superficie. O Ghost configúrase así como un contorno de activación emocional onde emerxen arquivos latentes e formas en deriva. Un corpo espectral, aberto e mutable, como a propia paisaxe á que dá forma o conflito entre as nosas distintas versións e a súa imposibilidade de fixación.
Aviso: esta sesión contén imaxes ou luces troboscópicas que poden afectar a espectadorxs fotosensibles
nD é unha obra audiovisual en forma de díptico e a terceira versión do proxecto audiovisual cm:av_c, desenvolvido ao longo de moitos anos. Nesta obra, os fenómenos do son e da imaxe, os modos de abstracción e concreción, e as calidades de significación e ausencia de significado plásmanse na flutuación continua entre a dualidade e a non dualidade. O díptico non está concibido unicamente para presentar oposición ou diferenza, senón máis ben como un espazo no que a nosa percepción oscila entre a separación e a inseparabilidade. Ao tratar e fusionar o son e a imaxe nun plano abstracto, crea unha experiencia audiovisual intensa que estimula simultaneamente a vista e o oído. Esta expresión audiovisual pura, desprovista de significado, libera o público das limitacións da interpretación e guíao cara a unha experiencia máis directa e sensorial.
Este proxecto, cm:av_c, unha procura que se remonta ás primeiras etapas da carreira de Kurokawa, reflicte con claridade a súa linguaxe artística única e icónica. A primeira versión, cm:av_c, estreouse en 2005 e, desde entón, presentouse en todo o mundo, en espazos como a Tate Modern (Reino Unido), Ars Electronica (Austria) ou MUTEK (Canadá). En 2011 estreouse a segunda versión, syn_ [ cm:av_c 2 ], que se presentou en máis de vinte países ao longo de varios anos. nD [ cm:av_c 3 ], a terceira, supón unha nova evolución do proxecto.
Aviso: esta sesión contén imaxes ou luces troboscópicas que poden afectar a espectadorxs fotosensibles
Aparcar no descampado, abrir o maleteiro e poñer a música a todo volume.
O parkineo é un encontro alleo a leis, horarios, patrocinadores, escenarios ou pulseiras con QR, e quizais por iso é perseguido e ridiculizado.
Ao mesmo tempo, a música experimental adoita caricaturizarse como algo endogámico, críptico e incapaz de xerar comunidade.
Co desexo de cuestionar estas miradas, o dúo Los Sara Fontan e a artista Tamara de la Fuente propoñen, en primicia para Curtocircuíto, un diálogo entre ambos os mundos.
Luces halóxenas para unha rave electroacústica. Embrague queimado con ritmos impares. Pintura metalizada e violín con distorsión.
Celia (Frau Troffea) é unha artista compostelá integrante do colectivo de música electrónica Gas Clube. Ritmos rotos e escorregadizos, kicks sólidos e apegadizos. Sempre en continua evolución, xerando emocións na pista e descubríndose mediante a música.
A súa proposta para esta edición é unha viaxe sonora a través da dualidade. Un percorrido que oscile entre a luz e a escuridade, entre camiños lisos e sendeiros pedregosos. Navegando entre mares en calma e mares embravecidos, por ventos intensos e momentos de quietude absoluta. Transitando entre a calor e o frío, entre a tensión e o descanso, entre o impulso e a contemplación.
Unha exploración dos contrastes que nos habitan e que tamén habitan a música. Porque é precisamente nese diálogo entre opostos onde xorde o movemento, a emoción e a transformación.
Artur M Puga e Sevi Iko Domochevsky presentan unha performance audiovisual que sitúa o son e a imaxe dentro dun mesmo réxime de inestabilidade. Os sistemas sonoros de Puga, atravesados pola tensión, a saturación e o colapso controlado, conviven cos universos visuais de Domochevsky, poboados por corpos sintéticos, arquitecturas dixitais e formas de vida improbables.
A medio camiño entre a intensidade da cultura club, o cine experimental e a ficción especulativa, a peza desprega un ecosistema en transformación constante onde tecnoloxía, materia e percepción permanecen abertas á mutación.
PV3000 presentará unha sesión centrada nos cruces entre techno, electro, bass music e IDM, movéndose entre ritmos contundentes, texturas abstractas e momentos máis hipnóticos e atmosféricos. O set combinará tracks de club cunha selección máis experimental e emocional, construíndo un percorrido que irá desde a tensión e a repetición ata pasaxes máis melancólicas e envolventes, mantendo un equilibrio entre baile, estrañeza e narrativa sonora.
PV3000 é o alias do músico e artista gráfico Emilio Horyaans, orixinario de Vigo. O seu traballo desenvólvese entre a música electrónica e a imaxe, dando forma a un universo sonoro de carácter experimental, introspectivo e melancólico, no que explora conceptos como o paso do tempo, a soidade ou a nostalxia.
En 2020 publicou o seu primeiro EP, Saudade, e en 2023 presentou o seu primeiro álbum de longa duración, %, editado tamén en formato casete. Neste traballo conviven elementos de IDM, ambient, downtempo e drone, construíndo unha experiencia sonora inmersiva e evocadora.
Ademais do seu proxecto en solitario, PV3000 colabora activamente con diferentes artistas e colectivos culturais galegos, e participa de maneira habitual na escena club de Galicia.
Actualmente atópase traballando no que será o seu próximo lanzamento.