Psicoxeografías é unha programación composta por catro filmes que exploran a realidade e a existencia humana desde prantexamentos moi diferentes pero comprendidos todos eles dentro da ampla etiqueta da etnografia experimental. Catro propostas que na súa exploración da linguaxe audiovisual entroncan coa nosa programación live av, especialmente Krakatoa, que chega a Curto na súa versión expandida que incluirá performance lumínica, desbordando así a idea convencional de proxección. En definitiva, catro pezas que se aproximan á paisaxe como espazo físico, simbólico e emocional, conectando coas investigacións sobre a imaxe, o tempo e o territorio.
Xacio Baño | 2026 | 86' | DOC
Es Navidad y un viajero se ha ido solo a conocer Italia y España. Llega a Santiago de Compostela y la hija le escribe: “Me han dicho que te has ido de viaje. ¿Dónde estás?”
Un día despois da estrea en Curtocircuíto de Despois das cidades, o seu director, Xacio Baño, o filósofo e escritor Antón Baamonde e a historiadora Encarna Otero manterán un encontro aberto a prensa e público onde partirán da película para explorar os seus temas, o proceso de creación e as preguntas que expón sobre a memoria, a paisaxe e as transformacións do espazo urbano. Un diálogo entre cine e pensamento que ofrecerá novas claves para achegarse á obra e propiciará un intercambio cos asistentes. A actividade terá lugar no Paseo dos Camelios do Hotel NH Collection.
Aleix Plademunt, Carlos Marqués-Marcet | 2026 | 87' | DOC, EXP
Old Tjikko: unha árbore de 9.550 anos que se ergue solitaria na tundra sueca. Surtsey: unha illa nacida hai apenas 63 anos na costa de Islandia. Lotus gomerythus: o único e último exemplar coñecido dunha especie vexetal descuberta nas Illas Canarias. A través dun proceso de creación de máis de dez anos, o fotógrafo Aleix Plademunt e o cineasta Carlos Marques-Marcet propoñen unha meditación sobre como construímos o noso mundo a través da mirada e a complexa relación entre as imaxes e a linguaxe falada.
A obra recente de Aleix Plademunt (Girona, 1980) pode entenderse a través da metáfora botánica do enxerto: a unión de distintas disciplinas que se transforman mutuamente. Fotógrafo formado no CITM (UPC) e na UDLA de México, e cofundador de Ca l’Isidret, desenvolveu unha traxectoria centrada en explorar os límites da imaxe, a distancia e a escala das cousas.
Ese sistema circulatorio da súa fotografía uniuse recentemente co cinema de Carlos Marques-Marcet e a escrita de Borja Bagunyà. Polo de agora, o froito dese encontro son a instalación Ser Ningú (CCCB, 2025) e o filme Un arbre és un arbre (2026), dúas obras que expanden e desprazan os límites das súas respectivas linguaxes.
Nesta ocasión, Plademunt presenta un diálogo entre os seus proxectos fotográficos e cinematográficos: Almost There (2013), Matter (2023), Ser Ningú, Un arbre és un arbre e a súa última proposta, Sempervirens (2026). Un percorrido que permite rastrexar as continuidades e as transformacións dunha práctica artística atravesada pola observación, a narración e o tempo.
Non é documental, mais si o é. Non é etnografía, mais si o é. Non é caricatura nin parodia, mais tamén hai algo diso. A práctica de Cases é xogo, diversión e exploración. Hai unha aproximación ao territorio na que Ricardo atopa elementos que o levan a crear itinerarios alternativos á realidade; reinventa a paisaxe do Levante a través de imaxes das súas rutinas diarias, do parque de debaixo da casa ou do camiño que percorre para levar a súa filla ao colexio cada día. As súas fotografías están cheas de significado e intención; en ocasións, o flash e as cores poden levarnos a pensar en algo pop ou banal, mais, lonxe diso, a súa aproximación ao real é o resultado dunha forma de vivir e de entender un mundo cheo de poesía, dureza e cambio.
Cases ten a capacidade de converter obxectos cotiáns en elementos suspendidos nun limbo intermedio entre a realidade e a ficción. As súas narrativas, moitas veces impulsadas pola relación semántica entre as cores dunha fotografía e as formas da seguinte, son singulares, abertas, próximas e, ao mesmo tempo, desconcertantes. A súa mirada é extraordinariamente intelixente, seguramente tamén sen pretendelo. E cos anos —de feito, xa está a acontecer—, o seu corpus converterase nun arquivo fundamental para entender España e o seu tempo, como aconteceu con Massats, García Rodero ou Cristóbal Hara.
Desde fitos fundacionais como Paloma al aire ou Podría haberse evitado, a súa carreira é unha lección de coherencia e renovación formal. Nesta edición de Curtocircuíto, Cases ofrecerá un encontro no que percorrerá a súa traxectoria marcha atrás e desmiuzará o seu arquivo e a súa metodoloxía de traballo.
Lawrence Lek: Sonic Worldbuilding
Lawrence Lek concibe os seus mundos virtuais como espazos onde a imaxe dixital e o deseño sonoro son inseparables. Neste encontro, o cineasta e produtor musical desagregará a súa metodoloxía de traballo e os vasos comunicantes entre o software de renderizado CGI e a mesa de mesturas, explicando como as frecuencias operan como unha ferramenta arquitectónica que dota de alma as súas ficcións especulativas e guía a súa carga emocional.
Así mesmo, a charla afondará nos seus procesos de cocreación e nas súas ricas colaboracións con figuras da vangarda sonora internacional como o produtor Kode9, o compositor Seth Scott ou o músico experimental Oliver Coates. Unha oportunidade imprescindible para descubrir as entrañas dun artista total que opera na intersección perfecta entre a imaxe e a música.
Aviso: esta sesión contén imaxes ou luces troboscópicas que poden afectar a espectadorxs fotosensibles
Carlos Casas | 2026 | 79' | EXP
O filme narra o último día de Kesuma, un mozo pescador de Bagan, que sobrevive pescando na súa plataforma de bambú a poucos quilómetros da illa volcánica de Krakatoa, en Indonesia. Despois dunha dura noite de pesca, na que os peixes desapareceron misteriosamente, Kesuma pasa a mañá reparando as súas redes e limpando a súa plataforma, cando unha gran explosión e un tsunami o envolven, levando todo por diante. Vagando na procura de comida e auga, percorre costas áridas e unha selva exuberante, e atópase con formas de vida estrañas. Na procura de refuxio nunha cova, embárcase nunha viaxe alucinatoria a través de eras xeolóxicas, ríos de lava e a propia abstracción, ata chegar a un clímax inimaxinable.
Marta Echaves propón nesta charla un percorrido por algúns testemuños de visións alumadas baixo a influencia da ketamina, permitiranos especular acerca de cosmografías esotéricas, estados intermedios e multiversos cuánticos. Os poderes que encerra este anestésico disociativo vólvese así un vehículo de imaxinación política para confrontar o cinismo e a desesperanza, unha propedeútica doutros réximenes de percepción máis que humana, que nos interroga acerca das relacións posibles entre mísitca e materialismo, espiritualidade e política.
Diálogo entre Gala Hernández López & Lawrence Lek
O encontro entre Gala Hernández e Lawrence Lek articúlase a partir dun binomio fascinante e perturbador: a colisión entre un presente desconcertante e o futuro distópico. Mentres Lek proxecta un mañá automatizado e inhumano a partir das inercias algorítmicas actuais, Hernández diseca o tecido da rede, mergullándose naquelas comunidades virtuais e reais que operan como síntomas e anuncios dunha sociedade en evidente decadencia.
Lonxe de formularse como unha mesa redonda sobre metodoloxías de traballo ou ferramentas técnicas —malia que na pantalla se cruzarán linguaxes tan distintas como a CGI e a simulación dixital fronte á non ficción e ao desktop documentary—, este encontro concíbese como unha conversa urxente sobre o estado do mundo e as súas derivas. Trátase dun diálogo cruzado entre dous cineastas cuxas traxectorias, aparentemente diverxentes nas formas, conectan de maneira profunda no fondo: ambos actúan como arqueólogos e diagnosticadores das crises existenciais, políticas e afectivas que definen a nosa era hiperconectada.
Charla con Marie Losier
Hai cineastas que filman o mundo para entendelo, e hai quen, como Marie Losier, o filma para salvalo da solemnidade. Ao longo das últimas décadas, Losier construíu unha das filmografías máis abraiantes, libres e conmovedoras da vangarda contemporánea, convertendo o celuloide nun tecido vivo onde a realidade se suspende para dar paso á fantasía.
Esa complicidade radical sostense sobre unha materialidade inconfundible: o gran táctil das súas cámaras Bolex de 16 mm. Na era da saturación dixital, Losier resiste desde o celuloide, arrastrando os pés no cinema analóxico non por nostalxia, senón por sensualidade. O escintileo da luz, o corte abrupto e o ritmo musical da súa montaxe converten os seus filmes nunha extensión do propio corpo. O seu cinema é un arquivo afectivo e ruidoso da cultura queer e das familias elixidas, un refuxio onde a vulnerabilidade se viste de purpurina para resistir á norma.
Nesta charla Losier fará un percorrido por unha vida chea de amizades incribles e que ela transformou nunha traxectoria marcada polo retrato de artistas, músicos e figuras da cultura underground europea e neoiorquina. Unha fermosa ocasión para coñecer de cercado unha sorte de álbum familiar das vangardas europeas e americanas de finais do século XX, e afondar nos procesos creativos dunha das autoras máis singulares e divertidas do cine experimental contemporáneo.
Como colofón a esta edición do festival, celebraremos un acto de clausura onde faremos a entrega de premios aos ganadores das distintas categorías e proxectaremos o filme de clausura: Fomos ficando sós, de Adrián Canoura. O acto de clausura estará presentado por Carlota Mosquera.
Carlota Mosquera
Carlota Mosquera é unha artista e comunicadora galega que traballa no Eido das artes escénicas como actriz e creadora, e da comunicación, como colaboradora en diversos programas de televisión ou radio. En redes explora a forma de reflectir o que se coce a lume lento nas artes vivas a rápido mundo das pantallas.
Adrián Canoura | 2025 | 81' | DOC, EXP
Adrián embarca ao Gran Sol no barco no que o seu pai navegou durante máis de trinta anos. Busca comprender o silencio e a distancia que os marcaron. No medio do mar, entre rutinas e ondas, atopa o momento para estender a man. E, finalmente, atrévese a dicir o que sempre calou: "Quérote".