Celebramos a obra de Marie Losier, unha das cineastas máis libres e singulares do cinema experimental contemporáneo. Tamén viaxaremos por paisaxes reais e imaxinarios da man do ciclo Psicoxeografías, con películas de Carlos Casas, Xacio Baño, Aleix Plademunt e Carlos Marqués-Marcet, e Adrián Canoura. E a programación completarase con conversas e encontros con Lawrence Lek, Gala Hernández, Marta Echaves e Ricardo Cases!
O Premio Curtocircuíto Atlas 2026 será para Marie Losier, referente internacional do cinema experimental contemporáneo grazas aos seus singulares retratos de artistas, músicos e figuras da cultura underground. O festival dedicaralle un foco especial coa proxección de The Ontological Cowboy (2005), Electrocute Your Stars George Kuchar (2004), Tony Conrad: DreaMinimalist (2008), Bim, Bam, Boom Las Luchas Morenas (2014), Alan Vega, Just a Million Dreams (2014), Felix in Wonderland (2019) e Barking in the Dark: The Residents (2025). Un percorrido por unha obra que transforma o retrato artístico en experiencias cinematográficas tan libres como persoais. Ademais das dúas sesións de proxeccions, Marie Losier dará unha charla que non podedes perder!
Presentamos o ciclo Psicoxeografías: en diálogo cos concertos audiovisuais, propoñemos catro obras que se aproximan á paisaxe como espazo físico, simbólico e emocional, conectando coas investigacións sobre a imaxe, o tempo e a presenza. Comezamos con Krakatoa, de Carlos Casas, unha experiencia de cinema expandido que se achega aos límites entre realidade, mito e inconsciente a través dunha exploración sensorial dunha illa volcánica remota. Continuamos con Un arbre és un arbre, de Aleix Plademunt e Carlos Marqués-Marcet, un filme nacido do diálogo entre fotografía e cinema que reflexiona sobre o paso do tempo, a permanencia e a relación entre o ser humano e a natureza. Estará tamén Despois das cidades, de Xacio Baño, filme inaugural desta edición que propón unha deriva persoal pola cidade de Santiago de Compostela na procura das capas visibles e invisibles do territorio urbano. Pola súa banda, Fomos ficando sós, de Adrián Canoura, clausurará esta edición. A obra compón unha cartografía da ausencia e das relacións paternofiliais a través dunha travesía oceánica marcada pola memoria e a distancia.
Completamos a nosa programación cunha serie de encontros e actividades abertas ao público que amplían os diálogos propostos polos filmes, os espectáculos audiovisuais e os artistas convidados desta edición.
O fotógrafo Ricardo Cases, que tamén participa na residencia fotográfica do festival, percorrerá a súa traxectoria e metodoloxía de traballo a través dun arquivo visual profundamente ligado á da vida cotiá e ás paisaxes do Levante. Abordará os seus procesos de creación e a construción dunha das obras máis singulares da fotografía española contemporánea.
O artista, cineasta e músico Lawrence Lek participará en dúas actividades. En Algoritmo sobrealimentado: un diálogo especulativo sobre un colapso anunciado, conversará coa cineasta Gala Hernández López sobre intelixencia artificial, algoritmos, tecnoloxía e imaxinarios de futuro, cuestións centrais no traballo de ambos creadores. Ademais, en A metodoloxía de Lawrence Lek: Sonic Worldbuilding, ofrecerá unha sesión centrada nas ferramentas, referencias e procesos creativos cos que constrúe os seus universos audiovisuais.
A escritora e investigadora Marta Echaves protagonizará unha conferencia a partir do seu libro Químicas piedades, na que afondará nas transformacións das subxectividades contemporáneas, a medicalización da vida e os réximes farmacolóxicos, algúns dos temas que atravesan tamén a programación desta edición.
Marie Losier protagonizará un encontro que permitirá percorrer unha traxectoria marcada polos seus retratos de artistas, músicos e figuras da cultura underground europea e neoiorquina, ao tempo que ofrecerá unha aproximación aos procesos creativos dunha das autoras máis relevantes do cinema experimental contemporáneo.
E o fotógrafo e cineasta Aleix Plademunt ofrecerá unha sesión que parte dos seus fotolibros, especialmente Matter, un proxecto que explora cuestións como a identidade, a materia e a relación entre o ser humano e a natureza. A actividade permitirá descubrir a evolución desta investigación artística ata converterse no filme Un arbre és un arbre, establecendo un diálogo entre fotografía, cinema, territorio e memoria.
