Laia Abril, Brais Revaldería, Guillermo García López, Lois Patiño e Irene Escolar, Oliver Laxe e Kangding Ray e Lucile Hadžihalilović e Elsa Fernández-Santos protagonizan as nosas sesións especiais
Fillos do vento: unha viaxe inmersiva ao corazón de Galicia
O cineasta galego Brais Revaldería participa en Curtocircuíto cunha sesión especial centrada en Fillos do vento, un proxecto híbrido e radical que transita entre o cinema e a instalación e que está centrado na Rapa das Bestas. Estreada este ano no Festival de Cannes, esta proposta audiovisual profunda investiga a tradición galega da Rapa das Bestas, entendida como forza ritual capaz de modelar os territorios e a memoria colectiva.
Encontro con Laia Abril: “On Mass Hysteria”
Laia Abril realizará un encontro no que presentará o seu último proxecto On Mass Hysteria, que continúa o seu traballo de investigación sobre a violencia estrutural exercida contra as mulleres.
O traballo forma parte do seu ciclo documental titulado A History of Misogyny, onde a artista catalá investiga e visibiliza os diferentes mecanismos históricos de control, violencia e discriminación contra as mulleres.
A través dunha mestura de fotografía, instalación, texto e arquivo, Abril constrúe un percorrido que cuestiona as relacións entre medo, corpo e poder, poñendo o foco na patologización e criminalización sistemática da feminidade ao longo da historia.
A linde do rostro. Conversación con Guillermo Galoe e Marina García López tras seis anos rodando Ciudad sin sueño
O cineasta Guillermo Galoe, acompañado pola produtora Marina García López, protagonizarán un encontro ao redor do acto de filmar no espazo do outro, partindo da súa experiencia na rodaxe de Ciudad sin sueño, obra que recibiu o Premio SACD ao guión e á dirección na Semana da Crítica do Festival de Cannes, desenvolta durante anos na Cañada Real, nos arredores de Madrid. A actividade, en forma de charla aberta, profundará nas implicacións éticas, estéticas e políticas de capturar realidades alleas, fronteiras invisibles e contextos de exclusión, sempre desde unha mirada consciente e autoral. Galoe compartirá materiais inéditos, reflexións persoais e decisións crave do proceso creativo, propoñendo un espazo de diálogo ao redor do cinema como lugar de encontro co outro (e, por tanto, connosco mesmos), a representación da alteridade e a posición do artista e da ficción no territorio do real.
Residencia Curtocircuíto: Jesús Madriñán
O fotógrafo compostelán Jesús Madriñán será o artista residente en 2025. A través da fotografía, a residencia artística Curtocircuíto Cafés Candeas reivindicará unha imaxe de Santiago de Compostela que contraste coas representacións tradicionais da cidade. Madriñán é coñecido polo seu uso da fotografía analóxica de gran formato. Explora os límites do retrato tradicional a través de series como Good Night London, Boas noites, Dopo Roma ou I Am Lixeiro, nas que combina técnicas minuciosas con contextos espontáneos, dando lugar a un retrato xeracional atravesado por valores como a mocidade, a diversidade e a tolerancia.