Planeta GZ: a diversidade do cinema galego
Planeta GZ constitúe un reflexo da extraordinaria heteroxeneidade do cinema galego contemporáneo. A sección acolle once títulos que transitan entre a ficción, o documental, a animación e as formas híbridas, abrindo espazo tanto a propostas narrativas como a obras máis periféricas e experimentais. Entre os títulos seleccionados atopamos a animación bordada de O corpo de Cristo, de Bea Lema; o diálogo entre memoria e paisaxe de A pena, de Iria Silvosa; a comedia negra e irreverente de Cara de cona, de Guillermo de Oliveira; ou La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo.
A programación complétase con propostas que recuperan memorias persoais e colectivas, como Historia dunha bicicleta (sen aire nas rodas e chea de po), de Xoán Fernández Diz, As maos da pulpeira, de Silvia Cachafeiro, ou As apalpadelas, de Cristina Souto Pita, o retrato urbano e musical de A voz de todas as cousas, de Dani Pérez, xunto a obras que dialogan co mito, a identidade, o territorio ou a experimentación formal como Broom Broom Follar, de SOHU, Rachar en dous, de Area Erina López Pino, e Escala un cincuental mil, do xornalista Ángel Suanzes.
Supernova: laboratorio de novas voces
Supernova é a nosa xanela ao cinema galego emerxente. Catorce obras que se moven entre a ficción, o documental, o ensaio e a experimentación para descubrir novas formas de contar e mirar o mundo. Unha selección cada vez máis marcada pola liberdade creativa, o risco e a procura de voces propias.
As pezas seleccionadas exploran cuestións relacionadas coa identidade, o xénero, o territorio, a transformación da paisaxe ou a relación entre corpo e memoria. Desde a reivindicación da feminidade en Afeminadas, de Catuxa Prieto e Carlos Barba, ata a reflexión xeracional de Sardiñas, de André Parra, pasando polo humor absurdo de Saír do Limbo, de Antón Rodríguez, a observación documental de El silencio de Allen Robert Angelo, de Marzo Lozano ou a exploración da natureza en transformación presente en Saúco, de Júlia Pérez e Alejandro Granero, Maleza, de Lucía Lago Cascón e Antón Carral López, e Voaduras, de Manuela Pereira. Nesa mesma liña de diálogo entre memoria e territorio sitúase Fun abalar a pedra que está no medio do mar, de Breogán Xague.
A sección inclúe tamén propostas de forte compoñente experimental como Disolución dun ollar, de Javi Darriba, Una y otra vez, de Alba Amoedo, Oda á extinción, de Isabella Moreno, ou Persistencia do baleiro, tamén de Isabella Moreno xunto a José García Estévez, confirmando a vitalidade dunha nova escena audiovisual que entende o cinema como espazo de liberdade e descubrimento.
Tono Mejuto protagoniza Terra
O arquitecto, cineasta e fotógrafo Tono Mejuto, unha figura fundamental para comprender os cruces entre cinema, territorio e arquitectura na creación galega contemporánea, protagonizará a sección Terra.
A súa obra desenvolve unha investigación constante sobre os modos de habitar o espazo e as transformacións do territorio contemporáneo a través do cinema en 16 mm e da fotografía química. Mejuto realizará un percorrido pola súa traxectoria artística que culminará coa proxección estereoscópica da súa peza Reliefs.
%20(1).gif)