Presentamos o cartel de concertos audiovisuais de Curtocircuíto 2026! O artista xaponés Ryoichi Kurokawa encabeza unha programación na que tamén participarán Marta Verde e José Venditti, Los Sarafontán e Tamara de la Fuente, Arvin Dola e Irene Gaumé e Artur M Puga e Sevi Iko Dømochevsky, conformando un percorrido por diferentes formas de relación entre son, imaxe, tecnoloxía e performance.
Ryoichi Kurokawa volve a Curtocircuíto
Figura fundamental da creación audiovisual contemporánea, Ryoichi Kurokawa volve ao festival e presentará nD no Auditorio de Galicia, a terceira evolución dun proxecto que desenvolve desde hai dúas décadas e que foi exhibido en institucións e festivais de referencia como Tate Modern, Ars Electronica ou MUTEK. A peza propón unha experiencia inmersiva na que son e imaxe se fusionan nun fluxo continuo que cuestiona as fronteiras entre abstracción e representación, dualidade e unidade, estimulando de maneira simultánea a percepción visual e auditiva do público.
Arvin Dola e Irene Gaumé: O Ghost
O compositor e multiinstrumentista Arvin Dola e a artista visual Irene Gaumé visitan Santiago por primeira vez para presentar O Ghost na carballeira de Santa Susana, adaptación escénica do álbum debut de Dola. A proposta combina sintetizadores, voz e violonchelo cun dispositivo visual construído a partir de fotografía dixital, técnicas de focus stacking e intelixencia artificial. Unha experiencia audiovisual que explora a fragmentación da identidade, a memoria e a aparición de formas espectrais nun espazo de constante transformación entre o analóxico e o dixital.
Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente estrean Consuelo no Parking: un concerto iluminado con coches
No noso afán por xuntar a artistas galegos con artistas internacionais propoñemos o encontro entre Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente. Traerán ao aparcadoiro do Auditorio Consuelo no Parking: un concerto iluminado con coches, unha creación concibida especificamente para o festival. A proposta establece un diálogo entre a cultura do parkineo e a música experimental, reivindicando espazos de encontro espontáneo e comunitario afastados das dinámicas convencionais da industria cultural.
Marta Verde e José Venditti estrearán GAMMA
Tamén teremos de novo con nós á creadora pontevedresa Marta Verde e o compositor e artista sonoro extremeño José Venditti, que farán na praza de Praterías a estrea mundial do seu espectáculo GAMMA, unha performance inspirada nas investigacións científicas arredor da actividade cerebral nos instantes previos á morte. A través dunha combinación de son, luz e imaxe, a peza constrúe unha experiencia física e sensorial que explora o tránsito entre estados de consciencia e os límites da percepción humana.
Artur M Puga e Sevi Iko Dømochevsky
Na praza da Quintana, os artistas presentarán unha colaboración creada especificamente para Curtocircuíto, Maintaining Investor Confidence Through Accelerated Decay. A medio camiño entre a intensidade da cultura club, o cinema experimental e a ficción especulativa, a peza desprega un ecosistema en transformación constante onde tecnoloxía, materia e percepción permanecen abertas á mutación.
DJ sets
Para pechar as xornadas, teremos unha sesión cada noite na Sala Fantástica, o venres 3 a cargo de Frau Troffea e o sábado 4 con PV3000, proxecto do músico e artista visual vigués Emilio Horyaans. O seu set percorrerá territorios situados entre o techno, o electro, a bass music e a IDM, combinando ritmos de club, texturas abstractas e atmosferas melancólicas nunha proposta que dialoga coa dimensión máis experimental da programación do festival. A proposta de Frau Troffea, artista compostelá, articularase arredor da idea da dualidade, construíndo unha viaxe sonora que transita entre a luz e a escuridade, a tensión e o descanso, o impulso e a contemplación. Converterá a pista de baile nun espazo de transformación e descubrimento.
