Lawrence Lek e Gala Hernández López mergúllante en historias que imaxinan e cuestionan o impacto da tecnoloxía. A través da ficción especulativa, da simulación dixital ou do desktop documentary, ambos cineastas reflexionan sobre as transformacións tecnolóxicas, políticas e emocionais que definen o presente. Os dous creadores estarán con nós en Curtocircuíto acompañando o seu traballo.
Lawrence Lek, artista, cineasta e músico británico, desenvolve unha obra situada entre o cinema, os videoxogos e a instalación inmersiva. As súas pezas imaxinan futuros marcados pola automatización e o dominio do algoritmo, convertendo intelixencias artificiais, cidades intelixentes ou corporacións ficticias nos protagonistas das súas narracións.
O foco dedicado ao autor estrutúrase en dúas sesións de proxeccións e dúas charlas. A primeira das proxeccións, Introdución ás ficcións especulativas, reúne as pezas Nøtel, Nepenthe, Farsight Corporation Launch Trailer, Play Station e 2065, títulos que introducen o universo corporativo e especulativo de Lek e exploran a construción de mundos virtuais como espazos narrativos.
A segunda sesión estará dedicada á súa celebrada saga Smart City Series, coas obras Black Cloud, Empty Rider, Guanyin e NOX e profunda nos mundos ideados na primeira sesión. Nestes filmes, Lek propón paisaxes posteriores á civilización humana onde intelixencias artificiais errantes reflexionan sobre identidade, propósito ou soidade nun contexto de automatización total.
A visita de Lek completarase cunha charla, A metodoloxía de Lawrence Lek: sound & vision, arredor do seu proceso creativo como cineasta e produtor musical, na que afondará nas relacións entre deseño sonoro, imaxe dixital e construción de mundos virtuais, así como nas súas colaboracións con figuras como Kode9, Seth Scott u Oliver Coates. O artista participará ademais nun diálogo coa cineasta Gala Hernández López, Algoritmo sobrealimentado: un diálogo especulativo sobre un colapso anunciado, arredor do impacto das tecnoloxías contemporáneas, o capitalismo algorítmico e os futuros cara aos que parecen conducir as dinámicas sociais e afectivas do presente. Un encontro entre dúas miradas que, desde a ficción especulativa e a non ficción, exploran as crises que definen a era hiperconectada.
Pola súa banda, Gala Hernández López (Murcia, 1993) converteuse nunha das ensaístas máis relevantes da creación audiovisual contemporánea europea. O seu traballo investiga as comunidades dixitais e as novas formas de alienación, vulnerabilidade ou desexo que emerxen na internet.
O foco, Gala Hernández López: incels, criptotraders e outras fantasías virtuais, primeiro en Galicia cos seus catro títulos, dedicado á cineasta permitirá achegarse a obras fundamentais da súa traxectoria recente. La mecánica de los fluidos (2022), recoñecida co Premio César da Academia Francesa, analiza as comunidades incel e as dinámicas de frustración, masculinidade e soidade que proliferan na rede. For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World (2024) aborda as promesas de inmortalidade e transcendencia ligadas ás comunidades extropianas e á crioxenia. Pola súa banda, +10K (2025) mergúllase no universo dos criptotraders para observar os mecanismos de especulación e os desexos de enriquecemento rápido baixo o capitalismo de plataforma.
Ademais, a súa película máis recente, like moths to light (2026), formará parte da Sección Oficial Cosmos de Curtocircuíto na que será a súa estrea en Galicia. O filme propón unha reflexión sobre o neurocapitalismo e as tecnoloxías destinadas a descodificar e monetizar o pensamento humano, levando a investigación da cineasta cara aos límites entre tecnoloxía, intimidade e control.
.gif)